Un veciño de Barro, investigado tras intentar atropelar un axente da Garda Civil de Tráfico e darse á fuga

Pontevedra
07 de xuño 2021

O condutor de 23 anos evitou á Garda Civil nun control de alcoholemia e drogas que realizaba unha patrulla de Tráfico en Pontevedra. Os axentes localizaron o home minutos máis tarde e o condutor realizou unha manobra brusca coa intención de atropelar un axente para despois fugarse. Presentouse co seu avogado dous días máis tarde no Subsector de Tráfico. Carecía de puntos no carné

Control da Garda Civil de Tráfico
Control da Garda Civil de Tráfico / Guardia Civil de Pontevedra (Arquivo)

Unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizaba o 28 de maio un control habitual e preventivo de consumo de alcol e drogas no punto quilométrico 6,300 da PO-532, no municipio de Pontevedra. A sorpresa dos axentes produciuse cando ao dar o alto a un vehículo, o condutor facía caso omiso aos sinais e abandonaba a zona.

A partir dese momento, a patrulla realiza un seguimento para tentar localizalo. Minutos máis tarde é detectado na estrada EP-0004. Os axentes volven darlle o alto e o mozo realiza unha manobra brusca co vehículo coa intención de atropelar a un dos gardas civís da patrulla. Tras esta acción, dáse á fuga.

Dous días máis tarde, o 30 de maio, acompañado do seu avogado, o condutor comparece nas dependencias do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra. Trátase dun residente no municipio de Barro de 23 anos.

Os axentes léronlle os seus dereitos e instruíronlle dilixencias por un delito de atentado contra axente da autoridade e, por outro, contra a Seguridade viaria por conducir un vehículo perdendo a totalidade dos puntos asignados no seu permiso. Estas dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Pontevedra.

No caso de que este condutor sexa considerado culpable pola autoridade xudicial enfróntase a unha pena de prisión de 3 anos e un día a 4 anos e medio polo delito de atentado. Polo delito contra a seguridade viaria enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade cunha marxe de entre 31 a 90 días, ademais de quedar privado do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por un tempo establecido entre un e catro anos.