Un veciño de Portosanto fai unha curiosa doazón á Casa Museo de Colón

Poio
09 de setembro 2021

Un exemplar da primeira edición da Revista Cristóbal Colón, editado en 1987, a novela de Torrente Ballester 'Los gozos y las sombras' e unha copia do guión da adaptación televisiva desta histórica obra, da que Gómez Outeda formou parte, constitúen unhas achegas "que enriquecen aínda máis o valor da biblioteca do museo"

Manuel Outeda fixo unha curiosa doazón á Casa Museo de Colón
Manuel Outeda fixo unha curiosa doazón á Casa Museo de Colón / Concello de Poio

O veciño de Portosanto, Manuel Gómez Outeda, ven de facer entrega ao Concello de Poio dun exemplar da primeira edición da Revista Cristóbal Colón, editada en 1987, a novela 'Los gozos y las sombras' e unha copia do guión da adaptación televisiva desta histórica obra de Torrente Ballester.

Dáse a circunstancia de que Gómez Outeda participou na rodaxe, toda vez que parte da mesma se realizou en Pontevedra, onde traballou durante décadas como taxista.

Este xoves, esta cesión oficializouse coa sinatura dun documento por parte do alcalde, Luciano Sobral, e o propio Outeda, que foi recibido polo rexedor nacionalista e pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), nas dependencias do museo.

Tanto Sobral como Raquel Rodríguez agradeceron a cesión desinteresada realizada por Manuel Gómez, que foi agasallado polos dirixentes municipais coa entrega dun libro do arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro, responsable da rehabilitación das dependencias. 

Este acto tamén contou coa presencia do presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín.