Un home de 52 anos, veciño de Vigo, foi detido pola Garda Civil acusado de roubar no interior dunha vintena de vehículos nos municipios pontevedreses de Bueu e Cangas.
Os roubos, segundo informou o instituto armado, cometéronse o pasado mes de setembro en coches que estaban estacionados en garaxes comunitarios.
Coa detención desta persoa, que ten un amplo historial delituoso, a Garda Civil sinala que se lograron esclarecer vinte roubos en cinco edificios destas dúas localidades.
O detido rompía o cristal dun dos portelos dos coches cun obxecto contundente e apropiábase de todos os obxectos de valor que atopaba no seu interior.
A pesar de que o valor dos obxectos subtraídos non foi moi elevado, os danos materiais que provocou aos vehículos que violentou foron cuantiosos.
Ao autor dos roubos impútanselle vinte delitos de roubo con forza nas cousas, dos que deberá responder perante o xulgado de instrución de garda de Cangas.