Un xestor privado encargarase das colonias felinas de Sanxenxo

Sanxenxo
07 de febreiro 2022

O contrato sairá a licitación por un ano coa posibilidade de tres prórrogas do mesmo período por 22.000 euros

Un gato
Un gato / Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo, a través do seu departamento de Medio Ambiente, ultima os pregos para sacar a concurso o programa e xestión de colonias felinas no municipio. Un servizo que sairá a licitación por 22.000 euros e que terá unha duración dun ano e tres prórrogas polo mesmo período.

A Concellería de Medio Ambiente e a Asociación Peludos Invisibles levan anos colaborando no control das 27 colonias rexistradas en distintos puntos do municipio con moi bos resultados. O departamento que dirixe Juan Deza duplicou en 2019 a partida anual que se destinaba ao programa aos 5.500 euros para dar resposta ao incremento de poboación de gatos rueiros.

Unha colonia de gatos esterilizada xoga un papel importante no control de roedores da zona. Ademais de mellorar as condicións sanitarias da propia colonia, o programa CES (Captura, esterilización e solta) favorece a hixiene da contorna ao reducir as condutas propias dos gatos non esterilizados, minimizando a deterioración do mobiliario urbano. 

É un programa sanitario que permite que os gatos da rúa estean sans, desparasitados, e non constitúan ningún perigo para os cidadáns nin para a saúde pública.

A colaboración dos 45 coidadores, rexistrados nas oficinas de Medio Ambiente, para localizar as colonias e axudar na súa manutención é clave para manter o control dos michos rueiros, así como o benestar animal.

A empresa adxudicataria do servizo deberá recoller os gatos entregados por persoal autorizado (Policía Local, Emerxencias ou APIS) e encargarase de esterilizar, desparasitar e marcar. O animal permanecerá na clínica tras a intervención ata a súa recuperación, é dicir, ata que coma e beba só.