Un xuízo baixo a sombra de dúas folgas: unha xudicial e outra de fame

Pontevedra
27 de febreiro 2018

Sito Miñanco empezou unha folga de fame "para quejarse por la propia situación de indefensión en la que se encuentra" tanto desde a súa chegada á prisión como no seu traslado desde Alcalá Meco. O seu avogado critica: "el hecho de que mi defendido tenga unos antecedentes no quiere decir que no tenga unos derechos" 

Sito Miñanco, no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial
Sito Miñanco, no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial / Mónica Patxot

O xuízo que comezou este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra contra José Ramon Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, está marcado por dúas folgas diferentes: a de fame que comezou o propio narcotraficante o pasado sábado á súa chegada á prisión da Lama e a dos funcionarios xudiciais que arrincou o 8 de febreiro. Ademais, chamou a atención que entraron na sala ata oito policías para garantir a seguridade.

A folga de Sito responde, segundo o seu avogado, a unha decisión persoal "para quejarse por la propia situación de indefensión en la que se encuentra" tanto desde a súa chegada á prisión como no seu traslado desde o cárcere madrileño de Alcalá Meco na que ingresou en prisión provisional tras a súa detención polo alixo de 4.000 quilos de cocaína da operación Mito. 

O seu avogado, Gonzalo Boye, queixouse ante o tribunal de que non se lle garantiu o seu dereito á defensa, pois ao longo de toda a fin de semana non lle permitiron ver aos seus avogados e tan só puideron ter un breve encontro este luns para fixar a estratexia de defensa no que, previamente, someteuse a control a documentación que levaba a súa letrada -outra profesional do despacho que Boye-, actuación que puido vulnerar o segredo profesional que regula a relación avogado-cliente

Este martes, á súa chegada á Audiencia Provincial, o avogado que o defende en sala tamén puido estar con el no calabozo do edificio xudicial, pero o tempo foi, segundo o seu defensor, insuficiente. "No todo vale. El hecho de que mi defendido tenga unos antecedentes no quiere decir que no tenga unos derechos", matizou o seu letrado. 

O tribunal da Audiencia posicionouse sobre esta crítica tras sentar a deliberar este martes durante ao redor dunha hora e media e concluíu que non existiu tal indefensión porque o xuízo leva sinalado máis de dous meses e tiveron tempo dabondo para preparar a estratexia de defensa. Tras esa apreciación, o letrado volveu criticar que o feito de que un tribunal manteña que se pode preparar un xuízo destas características nun calabozo dun xulgado "nos parece vulnerar la tutela judicial efectiva y el derecho de defensa".

Outra das queixas de Miñanco que o seu avogado elevou á sala é que tivo que facer por varias prisións de Burgos, Bilbao, Cantabria, Asturias e Teixeiro (A Coruña) para o seu traslado desde Alcalá Meco ata A Lama, un traslado pouco habitual de varios días.

Ademais, referiuse ao estado de saúde do seu cliente, que é hipertenso e diabético e ten unha saúde debilitada tras un ictus sufrido hai apenas dous anos. Este martes, víuselle chegar á Audiencia sobre as 9.30 horas cunha botella grande de auga na man e, durante a vista, houbo un momento no que pediu permiso para poder tomar un sobre de azucre no banco dos acusados. 

A folga xudicial tamén planeou sobre a vista. Varias decenas de funcionarios concentráronse ás portas da Audiencia á primeira hora da mañá aproveitando que o xuízo puxo en Pontevedra o foco de atención de medios de comunicación de toda España, pero nin a protesta nin o paro indefinido que encara a súa terceira semana afectaron á celebración da vista

Esta folga si pode chegar a afectar porque este martes non deu tempo a que declarasen os cinco acusados, trámite que quedou posposto para este xoves, segunda sesión da vista oral. O avogado de Miñanco considera que isto motivará que o xuízo non termine esta semana e pediu ao tribunal que fixe unha axenda para as seguintes sesións. O maxistrado presidente da sala, Xosé Xoán Barreiro Prado, alegou que non pode fixar esa axenda, precisamente, pola folga e a situación xerou malestar ao letrado. 

Respecto diso, indicou que este venres ten un xuízo con preso en Madrid e a semana próxima un nun tribunal internacional, de modo que, se se fixa outra sesión para algún deses días que ten xa ocupados, terá que renunciar á defensa de Miñanco.