Un xurado popular xulgará este mes ao suposto asasino e violador de Isabel Pérez

Marín
02 de maio 2015

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou a partir do próximo luns 11 de maio o xuízo por un crime da marinense Isabel Pérez Fraga, acontecido o 26 de decembro do ano 2013. A Fiscalía e o avogado da Xunta de Galicia pedirán ao xurado popular que condene á pena máxima, a 35 anos de prisión, a Miguel Sanmartín Argibay acusado dun delito de asasinato e outro de violación

Entrada do presunto autor do crime de Marín nos Xulgados
Entrada do presunto autor do crime de Marín nos Xulgados / Diego Torrado

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou a partir do próximo luns 11 de maio o xuízo por un crime da marinense Isabel Pérez Fraga, acontecido o 26 de decembro do ano 2013.

A Fiscalía e o avogado da Xunta de Galicia pedirán ao xurado popular que condene á pena máxima, a 35 anos de prisión, a Miguel Sanmartín Argibay acusado dun delito de asasinato e outro de violación. Polo primeiro delito reclaman 20 anos e 15 polo segundo.

Miguel Sanmartín, veciño de Marín de 41 anos de idade, era compañeiro sentimental da vítima e ao ser detido recoñeceu ante a Policía Nacional, ser o autor da morte da muller de 45 anos no domicilio onde residía na rúa Alcalde José del Río. Non obstante, o detido na súa comparecencia nos Xulgados negou que lle tería causado a morte á súa compañeira.

O acusado xa estivera en prisión por un delito de agresión sexual e ameazas cunha anterior parella. Tras a súa saída do cárcere, tamén fora detido por un delito de violencia doméstica por agresións a dous dos seus familiares.