Unanimidade no Parlamento galego para demandar ao Goberno central a mellora da N-541 entre Punxín e Pontevedra

Cerdedo Cotobade
18 de decembro 2024
Actualizado: 17:35

Tamén se pide un estudo de viabilidade que contemple a construción dunha autovía ou vía de alta capacidade sen pasar polos núcleos de poboación entre O Carballiño e Pontevedra

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España accións inmediatas de mellora da N-541 entre Punxín e Pontevedra.

Reclámanse medidas para reducir a alta sinistralidade nesta vía de comunicación, adaptando esta estrada ás necesidades de tráfico que garantan a seguridade de vehículos e dos habitantes dos núcleos de poboación polos que transcorre.

Ademáis, pídese ao Executivo central que se realice un estudio de viabilidade que contemple unha autovía ou vía de alta capacidade sen pasar por núcleos de poboación entre O Carballiño e Pontevedra.

O deputado popular Argimiro Marnotes explicou que a N-541 conecta Punxín con Pontevedra, pero é tamén un 75% do percorrido natural entre as cidades de Ourense e Pontevedra.

"Esta estrada nacional é unha das principais preocupacións en materia de seguridade viaria en Galicia, que cubre as necesidades dunhas 218.000 persoas, cun tráfico intenso de turismos particulares e transporte industrial, sendo escenario habitual de accidentes graves, algúns deles con resultados fatais", argumentou.

Alcaldes do Pacto de Pedre asistiron á sesión plenaria
Alcaldes do Pacto de Pedre asistiron á sesión plenaria      Parlamento de Galicia

En concreto, Marnotes lembrou o accidente do autobús ocorrido na noiteboa do 24 de decembro de 2022 que causou a morte de sete persoas, pero tamén sinalou outros sinistros máis recentes acontecidos ao longo dos anos 2023 e 2024.

O deputado popular citou a "forza social" do Pacto do Pedre para reclamar unha solución "estrutural e integral" de toda a N-541.