O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e a UNED de Pontevedra analizarán nun novo curso as relacións internacionais desde unha perspectiva de igualdade, dereitos humanos e xustiza global.
O IGADI organiza do 4 ao 7 de marzo no centro asociado da UNED en Pontevedra o curso gratuíto online (en directo ou en diferido) 'O papel das mulleres no mundo actual: A política exterior feminista e o cume do futuro'.
A cita reunirá a expertas de prestixio internacional para reflexionar sobre a historia, os desafíos e as oportunidades da Política Exterior Feminista (PEF) en distintos contextos xeopolíticos.
O curso está dirixido por Antonio Alejo, profesor da Universidade de Granada; Paula Lamoso, da Universidade de Loyola-IGADI; Daniel González Palau, director do IGADI; e Patricia Coloret, responsable de RSC do IGADI.
Como relatores figuran María Solanas, directora de programa do Real Instituto Elcano; Verónica Yazmín García Morales, da Universidade de Barcelona; Itziar Ruiz-Giménez Arrieta, profesora de Relacións Internacionais (UAM); e Adriana Quiñones, directora de Dereitos Humanos e Desenvolvemento e Directora Adxunta da Oficina de ONU Mulleres en Xenebra.
Como convidadas está confirmada a presenza de Inés Arco, Ana Paula Lamoso González, Raquel I León, Andrea Mila, Marola Padín Novas, María Xosé Porteiro, Mariel Renée Lucero e Ainara Valiñas Pereira.
Os organizadores do curso consideran que nun contexto internacional cada vez máis interconectado e en transformación, a PEF converteuse nun enfoque crave para repensar as relacións internacionais desde unha perspectiva de igualdade, dereitos humanos e xustiza global.
Países como Suecia, Canadá, España ou México adoptaron esta visión co obxectivo de promover políticas que integren a equidad de xénero nas súas estratexias diplomáticas, de cooperación e seguridade.