Unha alumna do Luís Seoane e un grupo do Valle Inclán gañan o concurso de TikTok pola igualdade do Concello de Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2023

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presidiu este venres na Sala de Prensa do Teatro Principal o acto de entrega de premios deste certame, que recollerán Rosalía López Leiro en categoría individual e María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato en categoría grupal. O concurso está dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos do concello 

Entrega de premios do concurso de Tik Tok organizado polo Concello de Pontevedra Concello de Pontevedra

O concurso de TikTok impulsado pola Concellería de Igualdade viviu esta tarde de venres o seu acto de entrega de premios. A concelleira Yoya Blanco foi a encargada de entregar, na sala de prensa do Teatro Principal, os galardóns aos vencedores dun certame dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos do concello de Pontevedra. A iniciativa estaba orientada á promoción da igualdade e á prevención da violencia de xénero a través de vídeos de TikTok.

O xurado do certame decidiu outorgar o galardón en categoría individual ao vídeo 'Isto é o normal', presentado pola alumna de 3ºB da ESO do IES Luís Seoane Rosalía López Leiro. En categoría grupal, o premio foi para a peza 'Eu mando en min!', presentado polos estudantes de 3ºD da ESO do IES Valle Inclán María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato.

"Este proxecto, que arrincou en 2022, naceu co obxectivo de impulsar a reflexión e a conciencia crítica do alumnado ao mesmo tempo que desenvolvía a súa creatividade. Incluíu a realización de 9 palestras informativas presenciais nos centros educativos que así o solicitaron (para alumnado e profesorado), nas que se realizou un traballo de concienciación e de sensibilización sobre as temáticas obxecto do concurso, como por exemplo as relacións igualitarias baseadas no respecto e na liberdade, a corresponsabilidade, as achegas das mulleres na Historia, a ruptura de estereotipos e roles de xénero, a igualdade de recoñecemento na cultura, no deporte e no ámbito laboral, as violencias machistas en espazos virtuais ou os mitos do amor romántico", explicou a edila socialista.

Entre as dúas categorías (individual e grupal) foron admitidos a concurso un total de 14 pezas audiovisuais, das que se exhibiu un breve vídeo de resumo antes de proceder á entrega dos galardóns. Segundo afirmou Yoya Blanco, "vistos os vídeos admitidos, o xurado do Concurso TikTok pola Igualdade valorou criterios como a adecuación á temática do concurso; a orixinalidade; o potencial sensibilizador e a capacidade para sintetizar e comunicar os contidos aprendidos".

Trala recollida de galardóns e o visionado das pezas gañadoras, Yoya Blanco felicitou ás premiadas e alentou aos presentes a seguir "traballando pola igualdade con ilusión, entusiasmo e alegría desde tódolos espazos e con tódolos medios ao noso alcance".