Unha app mellora as intervencións e aforra papel no servizo de Emerxencias de Sanxenxo

Sanxenxo
29 de outubro 2020

A ferramenta recolle as necesidades e os parámetros cos que traballa un parque de bombeiros, desde o informe dunha intervención ata o inventario de material ou a elección do mellor roteiro para acudir a unha emerxencia.

Un bombeiro do parque de Sanxenxo utilizando a aplicación Gesparque Concello de Sanxenxo

Axilizar e mellorar o control das intervencións é un dos obxectivos da aplicación Gesparque que o servizo de Emerxencias Sanxenxo comezou a utilizar no seu traballo diario. Trátase dunha ferramenta que recolle as necesidades e os parámetros cos que traballa un parque de bombeiros, desde o informe dunha intervención ata o inventario de material ou a elección do mellor roteiro para acudir a unha emerxencia.

"É unha aplicación que ten moitas posibilidades e que nos permite un control absoluto do servizo e o abandono case definitivo do papel”, explica Antonio Folgada, xefe de servizo de Emerxencias Sanxenxo. 

Cada equipo de bombeiros conta cunha tablet onde introduce os datos de cada intervención desde o momento que recibe a chamada ata que se conclúe o servizo de forma totalmente dixital creando un arquivo con todos os datos relevantes da actuación. Pero tamén permite inventariar todas as subministracións e materiais do parque de bombeiros xerando unha alerta coa información en tempo real.

Doutra banda, o servizo reforzouse fai un par de semanas con dous equipos de rescate formados por carapucha, máscara e botella para actuar en caso de evacuación nun incendio e evitar a intoxicación por fume das vítimas.

Nestes momentos, o persoal do Grupo de Emerxencias de Sanxenxo está formada por 19 traballadores cuxa cociente de actuación vai máis aló de Sanxenxo con intervencións, segundo a alerta, no Grove, Meaño e Poio. O custo anual do servizo rolda os 550.000 euros e o investimento municipal no mesmo é de máis de 400.000 euros. O resto de orzamento procede da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.