Unha árbore 'palleira' moi solidaria

Pontevedra
15 de decembro 2019

Na zona dos Soportais estivo entre as 11.00 horas da mañá e as 20.30 horas da tarde o mercado solidario co que a protectora Os Palleiros buscou recadar fondos para o seu funcionamento e todos os que quixeron colaboraron sumaron á súa árbore novos adornos e donativos 

Mercado e arbórea solidaria dos Palleiros
Mercado e arbórea solidaria dos Palleiros / Diego Torrado

Á decoración de Nadal que anima estes días as praza da Ferrería sumouse durante a xornada deste sábado unha árbore máis, neste caso, con fins solidarios. Na zona dos Soportais estivo entre as 11.00 horas da mañá e as 20.30 horas da tarde o mercado solidario co que a protectora Os Palleiros buscou recadar fondos para o seu funcionamento e todos os que quixeron colaborar sumaron á súa árbore novos adornos e donativos. 

A asociación, responsable da xestión da canceira municipal, tivo á venda camisetas, bolsas, doces, adornos de Nadal e logrou a solidariedade de moitos pontevedreses, que entregaron latas, penso, salchichas, correas, colares ou comedoiros que axudarán ao normal funcionamento das instalacións durante os próximos meses.

A propia asociación publicou a última hora da da xornada no seu perfil oficial de Facebook o seu agradecemento ás persoas que se achegaron ata os Soportais, aos que mercaron, aos que fixeron donativos e a todos os que fan posible o funcionamento da protectora. "Merece la pena hacer cosas así cuando la respuesta es como la de hoy", sinalaron, e agradeceron de xeito especial a implicación do voluntariado.

A concelleira de Benestar Animal, Paloma Castro, foi unha das pontevedresas que fixo o seu donativo en favor do colectivo e animou a todos os cidadáns a achegarse ata a xa tradicional árbore de Nadal dos Palleiros.