A tarifa que pagan as familias polo comedor escolar do CEIP de Lourido, en Poio, viuse reducida nos últimos tres meses do ano grazas a unha axuda municipal.
A Xunta de Goberno local de Poio aprobou na súa reunión deste martes unha axuda de 3.799,50 euros para a asociación de nais e pais (ANPA) A Gamela do CEIP de Lourido, que permitiu reducir a tarifa entre setembro e decembro. A medida afecta a 39 alumnos e alumnas.
Este convenio está asinado cos colexios que dispoñen de comedor escolar en Poio, ao que este curso se incorporou o CEIP Isidora Riestra, que inaugurou comedor o pasado mes de setembro.
O Concello de Poio outorga unha axuda de 1,5 euros por neno e por día.
Aínda que o convenio é para todo o curso escolar, o pago das subvencións realízanse segundo cada asociación vaia presentando a súa xustificación, de xeito que pode ser trimestral, semestral ou ao final do curso, segundo sexa vontade de cada asociación.