Como complemento ao I Marín Gaming Fest, a cita cos videoxogos que se celebrará no Pavillón da Raña os días 6 e 7 de novembro, a Alameda marinense acollerá unha nova edición do Best Hit Battles, un evento de batallas de freestyle que fará vibrar coa mellor improvisación urbana á vila mariñeira o sábado 6 de novembro, a partir das 19.00 horas.
Os concelleiros Hugo González e Antonio Caíña presentaron este evento xunto con Bastián Hermo Buceta, de BhB Galicia, o colectivo organizador.
Segundo explicou Hermo, haberá 32 participantes freestylers que "loitarán" na coñecida como batalla de galos, "e que son do top de Galicia, destacando incluso algún nome, como o de Le33, que compite en probas tan importantes como as de RedBull".
Acrox, Hugo, Gabri, Anxo, Jota, Simm, Nantes, R3, Le33, Sozat, Junay, Take, Markest, Berros, Adriano, Azek, Alanbur, Ruvix, Russo, Charly, Galez, Calles, Souk, Tripo, Marck, Frn, Hastro, Pumares, Ykiam, Thork, Perry e Galio completan o cartel de freestylers.
No evento, o DJ Affair porá a música e os xuíces serán Basti, Hero, Polo, Yosua e Drevil. O speaker será Claudio, e D. Campos e Ihria encargaranse da cámara e das fotos.
No caso de que chova, o evento trasladarase a un sitio cuberto que será puntualmente anunciado.