O Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra acolle os décimo sextos cursos estivais de inglés. Nesta ocasión participan vinte mozos invidentes de España e Irlanda, de doce a dezasete anos.
No primeiro caso trátase de afiliados á Organización Nacional de Cegos e no segundo do National Council for the Blind Ireland (NCBI). A estes súmanse tamén algúns mozos de Portugal e Italia. Trátase dun intercambio que se xestionou no primeiro trimestre deste ano e en virtude do cal, os mozos españois viaxarán a Irlanda o ano próximo.
A experiencia en Pontevedra vaise prolongar ata o vindeiro martes 15 de agosto. A práctica do inglés é o obxectivo que a ONCE pretende para os seus afiliados, mentres que o grupo irlandés coñecerá como os mozos cegos españois superan as súas dificultades académicas, o seu grao de integración social, e como é o apoio e orientación laboral futura que achega a organización.
O programa de actividades que se previu para estes días é intenso: práctica de surf adaptado; ruta en barco panorámico pola ría de Arousa, -na que dispoñerán de material ilustrativo preparado polo centro de recursos pontevedrés -; visita a Pontevedra, A Toxa e Combarro; ademais de talleres en diversas disciplinas como a musical, que ten un protagonismo especial neste intercambio.
Para esta parte da iniciativa contouse coa colaboración e participación de Antón Villanueva do grupo folk Avelaiña; do seu percusionista Miguel González, do gaiteiro Óscar Ibáñez, a acordeonista Sonsoles Martínez Jiménez e a cantante pontevedresa Adriana Ayude Tilve. O resultado foi a composición dunha canción titulada "And the present that is here", que quedará como recordo e nexo de unión entre todos estes mozos europeos.