Unha casa con moita vida

Pontevedra
17 de xaneiro 2013

Arredor de 120 persoas pasan cada día pola Casa Azul. A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, fala deste edificio con paixón e orgullo. Sorprendentemente móstrase convencida de que a Casa Azul aínda pode dar máis de si

Presentación da Memoria de actividades de la Casa Azul
Presentación da Memoria de actividades de la Casa Azul / PontevedraViva

Arredor de 120 persoas pasan cada día pola Casa Azul.

Este edificio municipal de catro plantas, situado na rúa Sor Lucía, acolle a actividade de entidades sociais como o Secretariado Xitano, a Fundación Meniños, a asociación Anti VIH-Sida, a oficina de desahucios, etc.

Lupus, Fibromialxia, Alcohólicos anónimos, ata oito asociacións teñen aquí a súa sede xunto aos servizos municipais de Xuventude, Educador Familiar e Benestar.

Alberga talleres de breakdance, ioga, xardinería, informática, fontanería, e tamén terapéuticos, e ademáis o corazón da RedeAxuda.

Agora acaba de sufrir unha importante remodelación interna levada a cabo con catro duros e moita imaxinación por parte dos seus usuarios. Pintura, conexións eléctricas ou a construción do mobiliario, foron asignaturas dos distintos obradoiros ocupacionais, e os materiais recicláronse do almacén municipal de Campañó.

Tamén os accesos foron adaptados para facer accesible este espazo.

As Salas están bautizadas cos nomes de Fontáns, Almofrei, Lérez, Gafos,⿦ así todos os ríos da comarca.

A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, fala deste edificio con paixón e orgullo. Sorprendentemente móstrase convencida de que a Casa Azul aínda pode dar máis de si e anuncia que intensificarán algúns programas como o da erradicación do analfabetismo, habilitarán un taller de cerámica, poñerán en marcha un programa de voluntariado e que crearán da man de Agareso unha emisora ⿿on line⿿ como altofalante para persoas en situación de exclusión, discapacitados ou mulleres.

Traballan ademais en lograr a capacitación legal que acredite oficialmente as competencias dos usuarios dos talleres e homologue os cursos que se dan.

Ademais están ultimando o proxecto Hedra, no que se dará espazo a algunhas asociacións de ámbito social na Casa Azul para que logo devolvan á cidadanía algún tipo de actividade.