Unha muller de 78 anos, que conducía un turismo pola PO-300 ao seu paso pola parroquia de Oubiña, no municipio de Cambados, sufría un accidente ao saírse da estrada durante as primeiras horas da tarde deste luns 24 de xullo.
A muller, veciña de Vilanova de Arousa, era trasladada polos seus familiares ao Hospital do Salnés con dor cervical e torácica para someterse a unha exploración médica.
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados interviña no operativo. O turismo saíase da calzada e quedaba situado nunha gabia entre un muro de pedra e un poste da luz.
Ata o lugar tamén se desprazaba unha patrulla da Garda Civil de Tráfico para investigar as causas do sinistro.