Unha condutora quintuplica a taxa de alcohol tras causar danos nunha árbore e en dous turismos estacionados

Pontevedra
21 de novembro 2023

A condutora de 58 anos retirou na tarde deste martes o coche do aparcamento na rúa Urbano Lugrís e foi conducindo impactando contra dous vehículos estacionados e tamén contra unha árbore, segundo a información facilitada pola Policía Local. Foi localizada polos axentes en Salcedo ofrecendo unha taxa positiva en alcohol de 1,30 mg/l.

Axentes da Policía Local e o vehículo da condutora que quintuplicou a taxa de alcohol
Axentes da Policía Local e o vehículo da condutora que quintuplicou a taxa de alcohol / Concello de Pontevedra

Unha condutora de 58 anos foi localizada por axentes da Policía Local en Carramal, lugar da parroquia pontevedresa de Salcedo, despois de protagonizar varios incidentes durante a tarde deste martes 21.

A muller, segundo relata a Policía Local, retiraba o seu coche do estacionamento situado na rúa Urbano Lugrís. Unha vez ao volante, impactou contra dous vehículos estacionados e tamén contra unha árbore da contorna.

Segundo a policía, a condutora continuou a marcha por Alfonxo X cara á rúa María Victoria Moreno. Unha persoa tentou detela ao observar a súa condución pero a automobilista mantivo a marcha en dirección a Figueirido.

Os axentes, grazas á colaboración de varias testemuñas, lograban localizala en Salcedo e alí era sometida a unha proba de alcoholemia que ofrecía unha taxa positiva en alcohol de 1,30 mg/l., superando en máis de cinco veces o límite establecido pola lei que se sitúa en 0,25 mg/l en aire expirado.