Unha curtametraxe dos nenos do colexio da Florida, na busca dun premio de seguridade viaria

Pontevedra
24 de febreiro 2016

Os nenos de 1º de primaria do colexio A Florida participarán na cuarta edición dos Premios Nacionais de Curtametraxes de Educación Viaria, organizados polo Real Automóbil de España (RACE) e Goodyear  

Os nenos ensinándolle seguridade vial "Os Vialons"
Os nenos ensinándolle seguridade vial "Os Vialons" / Concello de Sanxenxo

Os escolares do colexio da Florida gravaron o mércores 24 de febreiro en Sanxenxo, xunto co apoio dos axentes da Policía Local dedicados ao Programa Municipal de Seguridade Viaria, un vídeo sobre seguridade na rúa co que participarán na cuarta edición dos Premios Nacionais de Curtametraxes de Educación Viaria, organizados polo Real Automóbil Club de España (RACE) e Goodyear.

O obxectivo deste proxecto é levar a educación viaria aos centros escolares de toda España, conseguir aumentar a seguridade dos nenos na vía e promover así futuros adultos máis comprometidos coa seguridade na estrada.

Os encargados de elixir a temática da curtametraxe foron os máis pequenos e leva por título "Os Vialons". Nel os nenos narran as aventuras que viven nun día de excursión, desde que saen do colexio e coñecen a uns seres doutro planeta, "Os Vialons", ata chegar a casa. No vídeo vese como os nenos teñen que ensinar aos seus novos amigos a cruzar a rúa, explícanlles que é un semáforo, para que serve… Para todo isto contan coa axuda do "Poli Paco".

Teñen ata o 31 de marzo para recibir o maior número de votos posible por parte de todos os cidadáns e conseguir situarse entre os vinte primeiros. Se conseguen superar esta primeira fase, logo será un xurado, presidido por María Segui Gómez, directora xeral de Tráfico, quen valore cuestións como a calidade ou o contido da curtametraxe.

Os tres premios que ofrece este concurso son: 4.000 euros e unha videocámara para o primeiro; 2.000 euros para o segundo e 1.000 para o terceiro clasificado.