A retirada de niños de vespa velutina converteuse durante o ano 2021 na intervención más habitual no traballo diario dos Bombeiros de Pontevedra. Así figura na memoria de actividade deste servizo municipal, que rexistrou ata 404 saídas do parque.
Foron 56 máis que as realizadas durante o ano 2020, que supuxo a mínima carga de traballo dos últimos anos, debido ao confinamento da poboación e á pandemia da covid-19,
Un terzo destas intervencións durante o último ano, un total de 132, foron para atender as chamadas de alerta pola presenza dos niños desta especie invasora en zonas poboadas. Maio, xuño e xullo, que acumulan máis do 60% destas saídas, foron os meses de maior actividade.
Os incendios urbanos de distinta natureza, desde sucesos en vivendas ou locais comerciais ata lumes que calcinaron matogueiras, colectores de lixo ou papeleiras, foron 85. É dicir, a súa segunda maior atención a incidencias ao supoñer unha de cada cinco intervencións.
A retirada de elementos de suxeición como pancartas, cascotes de fachadas, tellas ou uralitas foron 48, mentres que para a caída de ramas ou troncos das árbores houbo outras 24 saídas e para atender incendios forestais só 6.
Ademais, os bombeiros de Pontevedra fixeron durante o ano 2021 un total de 11 rescates de persoas e 10 rescates de animais e interviñeron en 37 ocasións para abrir portas de vivendas, salas de contadores ou ascensores.
Tamén deron asistencia en 22 accidentes de circulación de distinta consideración, ben excarcelando a persoas, rescatando vehículos ou sufocando incendios. O mesmo número de intervencións foi para atender fugas de gas ou intoxicacións.
A memoria reflicte que nesta anualidade non se realizaron servizos preventivos, como os que se despregan nas festas ou durante a noite de San Xoán, nin tampouco achiques de auga en locais e vivendas nin visitas ao parque, suspendidas pola covid-19.
Con respecto á intervención en emerxencias fóra do ámbito municipal, os Bombeiros rexistraron só seis saídas, dúas delas a Poio e o resto a Marín, Cerdedo-Cotobade, Barro e Vilaboa.
TEMPOS DE INTERVENCIÓN
A memoria de 2021 do servizo de Bombeiros tamén revela que a maior parte das intervencións tiveron un tempo de saída entre 30 e 45 minutos.
A maior parte das intervencións están por debaixo da hora. En concreto, 319 non superaron os 60 minutos, o que supón case o 79% de todas as intervencións realizadas. Fronte a estes datos, dous servizos prolongáronse entre as tres e as catro horas.
Outro dato curioso son os horarios das intervencións. Das 404, 295 realizáronse entre as 9:00 e as 21:00 horas, 109 foron nas outras doce horas da noite. É dicir, o 73% das saídas producíronse de día e o 27% restante foron actuacións desenvolvidas durante a noite.