Unha decena de centros educativos participan en Pontenciencia a partir do luns 9 de novembro

Pontevedra
04 de novembro 2020

Esta sétima edición, que se desenvolve entre o 9 e o 16 de novembro, se adapta ás circunstancias sanitarias e inclúe no programa actividades sobre ciencia sonora, mulleres científicas, novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, cerámica prehistórica, SOS á Terra ou a teledetección

Actividade científica
Actividade científica

Do 9 ao 16 de novembro, Pontevedra acollerá unha nova edición de Pontenciencia, que chega ao seu sétimo aniversario. Está prevista a participación dunha decena de centros educativos atendendo a todos os protocolos sanitarios derivados da situación provocada pola presenza da covid-19.

Por este motivo, durante esta edición non se celebrará a feira expositiva e realizaranse as actividades individualizadas para cada grupo participante, que contarán cun máximo de 25 escolares, de quinto e sexto de Primaria. 

Entre as cuestións que se exploran este ano se atopa a ciencia sonora, o papel das mulleres científicas, as novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, a cerámica prehistórica, unha chamada ao SOS á Terra, a teledetección ou o coñecemento do ceo nocturno e a creación dun planifesferio terrestre.

A concellería de Educación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innvoación e Universidades impulsan esta semana de Pontenenciencia 2020 que leva como lema "Que o coñecemento non pare!".

Tino Fernández, concelleiro de Educación, sinala que esta proposta permite desenvolver o pensamento investigador. As actividades desenvolveranse de maneira individualizada na  Escola Universitaria de Forestais do campus de Pontevedra e en dez centros educativos: CFEA Lourizán; CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús (Primaria e Secundaria); CEIP Plurilingüe  Froebel; CEIP San Martiño; CEP Marcos da Portela; CEIP Praza de Barcelos; IES Luís Seoane; CEIP Parada-Campañó; CEIP San Benito de Lérez e CEIP A Xunqueira II.