Unha decena de denuncias por incumprir as medidas anti covid-19

Pontevedra
09 de novembro 2020

A Policía Autonómica realizou  24 dispositivos e 35 inspeccións durante a fin de semana en Pontevedra, Vigo, Poio, Meis, Moaña e Cangas do Morrazo. Os axentes identificaron 312 persoas e realizaron 630 actuacións, das que 296 foron en Pontevedra capital

Actuación da Policía Autonómica en Pontevedra
Actuación da Policía Autonómica en Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra, Poio e Meis foron durante a fin de semana tres das seis localidades da provincia nas que centrou a súa atención a Policía Autonómica no marco da prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19.

Os axentes actuaron en Pontevedra, Vigo, Poio, Meis, Moaña e Cangas do Morrazo e procederon á interposición dunha decena de denuncias por incumprimento das medidas vixentes para frear a expansión do coronavirus.

Segundo a información facilitada pola Xunta, os policías identificaron a 312 persoas nun total de  24 dispositivos e 35 inspeccións realizados entre o venres 6 e domingo 8 de novembro.

En total, os axentes realizaron 630 actuacións, das que 296 foron en Pontevedra e 303 en Vigo.

Durante os operativos, controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir medidas como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, a ocupación, o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

Os axentes actuaron nun total de 30 concellos galegos, nos que que se rexistraron 87 dispositivos e 116 inspeccións, con máis de 550 persoas identificadas e 29 denuncias tramitadas.