Unha delegación do grupo parlamentario Alianza Libre Europea visita Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana

Pontevedra
19 de setembro 2022

Os parlamentarios europeos coñecerán a cidade polo miúdo e comprobarán in situ o funcionamento do modelo urbano de Pontevedra e a transformación acontecida ao longo dos últimos anos. A axenda da visita inclúe unha xornada de traballo no antigo convento de Santa Clara

A delegación europea, en Tomiño
A delegación europea, en Tomiño / Concello de Tomiño

Unha delegación do grupo parlamentario Alianza Libre Europea, que representa 46 formacións políticas, visitará este martes Pontevedra. Trátase dun grupo de 46 persoas encabezado por cinco deputados e deputadas do Parlamento Europeo, entre os que se atopa Ana Miranda, do BNG, que ocupou o seu escano o pasado 5 de setembro

Esta delegación composta por 46 persoas da Alianza Libre Europea comezou a súa visita a Galicia este luns, cunha parada en Tomiño, e estará ata o mércores día 21.

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, confirmou este luns a visita, un encontro que quedou pactado logo da visita que o pasado mes de xuño fixeron ao Parlamento Europeo en Estrasburgo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández.

Os parlamentarios europeos coñecerán a cidade polo miúdo e comprobarán in situ o funcionamento do modelo urbano de Pontevedra e a transformación acontecida ao longo dos últimos anos.

A axenda da visita inclúe unha xornada de traballo no antigo convento de Santa Clara a partir das 12.00 horas, na que haberá conferencias e charlas centradas nos procesos de construción de realidades locais e no seu encaixe na Europa dos pobos.

Miguel Anxo Fernández Lores abrirá a xornada e logo haberá un panel no que se abordarán as situacións transfronteirizas en Europa a cargo da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza.

Durante esta xornada vanse analizar as experiencias de transformación local e tres exemplos de boas practicas, Pontevedra, Allariz e Bastia (Córcega, Francia).