Segundo Anova "ao redor dunha ducia de incendiarios actúa na zona de Pontevedra", conformada ésta por 29 municipios que engloban as bisbarras de Pontevedra, Salnés, Arousa e O Morrazo.
O perfil destes incendiarios, segundo explicou Claudio Quintillán da Coordinadora Nacional de Anova, "a maioría dos puntos de inicio dos incendios corresponden a lugares de acceso para persoas coñecedoras da zona, polo tanto veciños do ámbito". "Ninguén do lugar denunciará ao seu veciño, tanto se sospeita del ou mesmo no caso de encontrarse o delincuente in fraganti", sinalou Claudio Quintillán. "Existe un silencio absoluto no rural constatado pola investigación". E engadiu que está comprobado que "se unha persoa allea a un núcleo rural pasa por alí andando ou co seu vehículo, entón si que se achegan datos".
Quintillán sinalou que o incendiario se refuxia nese coñecemento completo do terreo e "nun amparo social no seu ámbito. Teñen ademais todas as facilidades: abandono do rural, falta de productividade e posta en valor do territorio". A isto engádenlle as múltiples causas polas que actúa o incendiario "eliminación de matogueira, gandaría, caza, desavenencias, vinganzas, contratación de persoal, lindes, vandalismo, etc".
Anova presentou este martes nunha rolda de prensa en Pontevedra unha serie de medidas urxentes ante a "proliferación de incendios forestais" e as consecuencias que arrastran tanto a nivel económico como ecolóxico e social.
Claudio Quintillán explicou que esta serie de medidas de choque a aplicar "dende o próximo inverno" pasa pola aplicación de oficio por parte dos concellos de la Lei de Montes de Galicia no que representa a núcleos rurais, é dicir, as franxas de seguridade de 50 metros. E, tamén planificar dende os Distritos forestais actuacións dirixidas ao territorio para romper a continuidade actual das masas pirófitas e matogueiras.
"Coa intencionalidade actual non podemos ter centos de hectáreas contínuas de vexetación só interrompida parcialmente por infraestruturas cuxo ancho non responde á inflamabilidade do combustible", sinalou Quintillán.
Anova tamén propoñerá á Xunta a través de AGE a elaboración en paralelo coas medidas anteriores dun novo Plan para o Monte Galego "unha planificación a 50 anos, consensuada e inamovible" que determine o espazo que vai ter a consideración de monte dentro da ordenación territorial de Galicia.
Ademais instan á Xunta a que determine o mapa de usos derivados do monte, e a que teña unha atención especial aos montes veciñais en man común potenciándoos como referentes socio-económicos e culturais do rural.
Outras medidas urxentes solicitadas diríxense aos 750.000 propietarios particulares que hai en Galicia e que supoñen máis dun terzo do territorio, 1,2 millóns de hectáreas "e que actualmente son o maior foco de inicio dos incendios forestais, agás na zona norte" informando en colaboración coa Fegamp da situación na que se encontran os terreos e impulsando propostas que melloren o minifundismo.
Para este último obxectivo Anova propón medidas fiscais por ter a parcela perfectamente identificada "hai que desgravar os que coidan do territorio, nese caso o monte particular porque benefician a toda a sociedade".
E finalmente esixen "un equipo público profesionalizado, especializado e comarcalizado que poida atender as emerxencias ambientais".