Unha empresa luguesa especializada en arte restaurará a capela da Nosa Señora da Lanzada

Sanxenxo
04 de abril 2023

Parteluz Estudio, unha empresa de Lugo especializada en restauración e conservación artística, será a responsable das obras para restaurar a capela da Nosa Señora da Lanzada, en Sanxenxo. O investimento para acometer esta actuación ascenderá a 110.000 euros

Ermida de Nosa Señora da Lanzada
Ermida de Nosa Señora da Lanzada / Mónica Patxot

Parteluz Estudio, unha empresa de Lugo especializada en restauración e conservación artística, será a responsable das obras para restaurar a capela da Nosa Señora da Lanzada, en Sanxenxo.

Así o recolle o portal de contratación da Xunta de Galicia, no que figura que o investimento para acometer esta actuación ascenderá a 110.000 euros.

O obxectivo é garantir a conservación deste ben incluído no catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar. 

Para conseguilo, o proxecto que se porá en marcha nas vindeiras semanas, cun prazo de execución aproximado de cinco meses, inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea.

Consistirán na eliminación de plantas superiores, na preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas.

Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal, á que tamén se lle devolverá a verticalidade.

A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior.

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII, situado na parroquia de Noalla. O lugar de emprazamento, anteriormente unha illa e a día de hoxe un istmo, estivo habitado desde tempos remotos. Alí apareceron restos dun antigo castro do século VIII a.C.