Unha Festa Feminista reivindicará no mercado que "o feminismo é imparable"

Pontevedra
10 de xuño 2024

"Para celebrar, para reivindicar e para pasar un rato divertido". Con estes tres obxectivos, a festa celebrarase o próximo venres 21 de xuño no mercado municipal. Comeza coa presentación do libro Ansia de Henar Álvarez e cun faladoiro coa xornalista Carolina Sertal e remata coa música a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ

Anabel Gulías presenta a Festa Feminista
Anabel Gulías presenta a Festa Feminista / Concello de Pontevedra

"Para celebrar, para reivindicar e para pasar un rato divertido". Con estes tres obxectivos, o próximo venres 21 de xuño celebrarase no mercado municipal da rúa Serra unha Festa Feminista.

O evento forma parte da campaña ‘Ábrelle a porta ao feminismo’ que o Concello de Pontevedra puxo en marcha en marzo con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Naqueles días foi preciso adiar unha festa posterior á manifestación polo mal tempo e agora retómase. 

A cita será a partir das 19.00 horas no mercado municipal da rúa Serra e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentouna este luns insistindo en que con esta festa se busca "celebrar o que somos, que o feminismo é unha loita colectiva"

Gulías lembra que as persoas feministas "temos esa capacidade insuperable de poñernos en pé e superar as adversidades, sendo contundentes, pero tamén cun sorriso nos beizos, para explicarlle a quen queira escoitar que o feminismo é imparable" e con este espírito organízase esta festa. 

A celebración contará cun "cartel de luxo". Comeza coa presentación do libro Ansia da guionista e cómica Henar Álvarez e cun faladoiro coa xornalista de Faro de Vigo Carolina Sertal, unha das gañadoras do Premio As Mulleres que Opinan son Perigosas. En opinión da concelleira de Igualdade, a lectura do seu artigo gañador foi "especialmente emocionante" na apertura deste foro feminista este ano. 

Henar Álvarez e Carolina Sertal "van falar de feminismo, van falar de experiencias persoais e colectivas" e, a continuación, a festa seguirá coa música a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ, "dúas referentes orgullosas de ocupar un espazo que tamén está tipicamente masculinizado".