Unha homenaxe para conmemorar o 170 aniversario do nacemento de José Martí e "estreitar lazos entre o pobo galego e o cubano"

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

O acto desenvolverase este sábado 28 de xaneiro ás 12:00 horas diante do monumento dedicado ao político situado na praza que leva o seu nome, ao final da rúa Santa Clara con Cobián Roffignac

Acto de inauguración da nova escultura da praza José Martí
Acto de inauguración da nova escultura da praza José Martí / Mónica Patxot

A concelleira Anabel Gulías xunto coa presidenta da Asociación Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Erea do Río, presentaron este venres a actividade-homenaxe ao 170 aniversario do nacemento do político José Martí, fundador do Partido Revolucionario Cubano e organizador da Guerra de Independencia de Cuba.

O acto desenvolverase este sábado 28 de xaneiro ás 12:00 horas diante do monumento dedicado ao político situado na praza que leva o seu nome, ao final da rúa Santa Clara con Cobián Roffignac.

"É incrible como ás veces esquecemos a grandes pensadores políticos de todos os tempos ou como intencionadamente algúns quedan no olvido", criticou Gulías durante a presentación. Por iso, "parécenos de xustiza colaborar coa Asociación Amizade para organizar esta homenaxe" e así manter estas actividades de difusión que xa se organizaron en diferentes cidades.

No caso de Pontevedra, o acto consistirá nas intervencións da Cónsul de Cuba en Galicia, Annabel Lafargue Wilmoth e as lecturas poéticas por parte de Charo Lopes e Xosé María Álvarez Cáccamo co fin de "estreitar lazos entre o pobo galego e o cubano". A actividade concluirá cunha ofrenda floral a José Martí e unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas.

Doutra banda, Erea do Río engadiu que a Asociación vai cumprir 40 anos de existencia e ten un local en Vigo que comparten coa Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e a Asemblea Republicana, cunha biblioteca que "estamos poñendo en liña e que queremos que se converta na casa dos pobos" onde a xente nova poida "traballar e investigar, facer intercambios e reactivar as teses e doutorados nas universidades cubanas e galegas" e, nalgún momento, facer unha substitución xeracional.