Unha hora diaria sen ruído nas festas de Portonovo

Sanxenxo
16 de agosto 2022

O Concello de Sanxenxo anuncia que durante os días 16, 17 e 18, entre as 21.00 e as 22.00 horas, non se empregarán sons que poidan afectar a escolares e persoas maiores con trastornos do espectro autista (TEA) hipersensibles a determinados volumes de son, iluminacións e grandes balbordos

Festas de San Roque en Portonovo
Festas de San Roque en Portonovo / Concello de Sanxenxo - Arquivo

O Concello de Sanxenxo anuncia que na xornada deste martes 16 e nas seguintes do 17 e 18 de agosto, as Festas de San Roque de Portonovo manterán unha hora sen ruído, entre as 21.00 e as 22.00 horas.

Esta medida adóptase para que estes festexos sexan accesibles a escolares e maiores que padecen trastornos do espectro autista (TEA), hipersensibles ao ruído e tamén a determinados tipos de iluminación ou grandes balbordos de persoas.

Con esta medida, a intención é que estas persoas cos seus familiares poidan gozar tamén das festas. Estas persoas presentan unha especial sensibilidade ante fogos artificiais, petardos, música a volume elevado ou luces intensas, que poden xerarlles unha sobrecarga sensorial por encima da capacidade que toleran e que pode derivar en ataques de ansiedade.

Precisamente este martes 16 están previstas bombas de palenque con alboradas, un concerto da Banda de Música de Meaño a partir das 13.00 horas na Casa de D. Fernando. Durante a mañá tamén se desenvolverá a misa na Igrexa de Portonovo co tradicional encontro de imaxes a continuación.

Durante a tarde haberá pasacalles a cargo da agrupación de Batucada e unha nova misa solemne ás 19.00 horas en honra a San Roque, cantada pola coral Sta. Mª Adina para dar paso á procesión e unha tirada de lumes

Xa ás 21.00 horas, a Banda de Música de Meaño ofrecerá un concerto na Capela. Ás 23.00 horas actuarán Soraya e Kubo para finalizar cunha gran tirada de fogos de artificio.