Unha inundación obriga a pechar o complexo deportivo de Campolongo e indigna os usuarios por falta de información

Pontevedra
15 de decembro 2019
Actualizado: 14:19

Desde primeira hora da mañá achegáronse ata as instalacións decenas de persoas e atopáronse con que non podían entrar. Na porta non había ningún cartel con indicacións e a empresa tampouco avisaba a través da web nin na aplicación móbil. A última hora da mañá si avisaro a través das súas redes sociais

Usuarios ás portas do complexo deportivo de Campolongo este domingo
Usuarios ás portas do complexo deportivo de Campolongo este domingo / Diego Torrado

As intensas choivas que caeron durante toda a madrugada deste domingo causaron unha inundación nas instalacións do complexo deportivo de Campolongo, que non puideron abrir. Así o confirmaron a PontevedraViva fontes municipais, que engadiron que a empresa adxudicataria está a realizar tarefas de limpeza e confía en poder abrir ao público este luns

Segundo as explicacións achegadas desde o departamento municipal de Deportes, que xestiona o socialistas Tino Fernández, a arqueta situada xusto á beira das inundacións non puido xestionar a cantidade elevada de auga que caeu durante a madrugada, de tal forma que se asolagou a zona e a auga entrou nas instalacións

As instalacións do complexo deportivo de Campolongo abren cada domingo ás 9.00 horas e poden utilizarse ata as 14.00 horas. Con todo, este domingo xa non puideron facelo. A situación causou gran indignación entre os usuarios, que se atoparon con que estaban pechadas e non existía ningún aviso sobre o motivo da medida

Desde primeira hora da mañá achegáronse ata as renovadas instalacións de Campolongo decenas de persoas e atopáronse coa sorpresa de que non podían entrar. Na porta non había ningún cartel con indicacións e a empresa tampouco avisaba a través da páxina web nin na aplicación móbil, de modo que o enfado dos usuarios coa empresa que xestiona as instalacións foi maiúsculo. 

Cando se achegaron, descoñecían a existencia da citada inundación e manifestaron a súa indignación porque "o mínimo é que avisen", tanto nas propias instalacións como a través do resto de canles que teñen ao dispor dos clientes na internet. A última hora da mañá si avisaron a través das súas redes sociais.

As instalacións abriron hai pouco máis dun mes, o pasado 1 de novembro, despois dun proxecto de reforma integral que permite ao complexo deportivo ter capacidade para uns 4.000 socios, cunha renovada sala de fitness, oito salas de actividades dirixidas para poder acoller 200 clases á semana, dúas piscinas, zona de spa, servizo de fisioterapia e sala específica para adestramentos de grupos reducidos.