Unha limpeza pouco oportuna na Deputación

Pontevedra
26 de maio 2015

A imaxe de retirada de bolsas de lixo do edificio central da Deputación coincide coas críticas formuladas polo concelleiro e cabeza de cartel da Marea de Vigo, Rubén Pérez, quen afirmou ironicamente que "dende hai varios días puxeron a funcionar na Deputación as trituradoras de papel". Rafael Louzán apuntou que "ese tipo de comentarios valóranse por si sós"

Operarios de Limpiezas Cíes sacando bolsas de lixo pola fiestra da Deputación
Operarios de Limpiezas Cíes sacando bolsas de lixo pola fiestra da Deputación / Mónica Patxot
Louzán responde ás críticas da Marea de Vigo /

A fotografía que ilustra esta información non tería por que ser noticia en calquera outra data do calendario. Trátase duns traballadores dunha empresa de limpeza sacando bolsas de lixo da sede da Deputación provincial.

Non obstante, esta imaxe coincide coas críticas formuladas polo concelleiro e cabeza de cartel da Marea de Vigo, Rubén Pérez, quen afirmou que "dende hai varios días puxeron a funcionar na Deputación as trituradoras de papel" e sinalou irónicamente que mesmo se chegue a recorrer a "lanzallamas", tras a posible perda da presidencia do organismo provincial por parte do PP tras os resultados electorais do domingo 24.

Ás 11.30 horas deste martes 26, no mesmo momento en que se realizaba a limpeza na sede da institución coa retirada das bolsas de lixo por unha fiestra do edificio, o propio presidente en funcións da Deputación, Rafael Louzán, referíase a estas declaracións "invitando" os membros das Mareas a "vir para aquí e comprobar" que a situación é de "absoluta normalidade, neso si que somos probablemente os máis democráticos".

"Ese tipo de comentarios valóranse por si sós. Esa canción xa sóame como repetida", indicou o presidente provincial do Partido Popular.

O gabinete de comunicación de la Administración Provincial aclarou, a preguntas de PontevedraViva, que na planta baixa do edificio se están a realizar obras dende hai algún tempo e por iso, esta retirada de material é unha actividade que se realiza con frecuencia por parte da empresa Limpezas Cíes que dende 2014 se encarga dos 51 centros dependentes da Deputación de Pontevedra.