Unha marcha cabalar percorrerá o vindeiro domingo 31 de agosto o monte da Fracha dentro das actividades organizadas pola plataforma cidadá Salvemos a Fracha para chamar a atención sobre o impacto que terá o trazado proxectado para a autovía A-57 no ámbito e nos usos sociais que lle dan os cidadáns.
A actividade está organizada por Salvemos a Fracha e polo club hípico Apalaoosa de Marcón e percorrerá parte dos montes afectados polo trazado da A-57, que acaba de recibir unha declaración de impacto ambiental favorable a un deseño que pasa polas parroquias pontevedresas de Marcón e Tomeza e ás de Bértola, Figueirido e Vilaboa no veciño municipio de Vilaboa.
A marcha partirá ás 10.30 horas das instalacións de Apalaoosa en Marcón e terá dúas rutas diferenciadas, de diferente dificultade, para adaptarse a todos os públicos. Unha delas está pensada para propietarios de cabalos xa afeitos a este tipo de actividades e outra para nenos e afeccionados.
Ambas as dúas terán distinto percorrido, pero rematarán no mesmo punto de encontro: a área recreativa da Fracha. A partir das 14.00 horas, á chegada de todos os participantes, celebrarase alí un xantar popular ao que están convidados tanto as persoas que realicen o percorrido a cabalo como a cidadanía en xeral.
A organización servirá pulpo (estará na área recreativa un pulpeiro), comida, bebida e postre a prezos populares co obxectivo de fomentar un clima de convivencia e confraternidade.
A plataforma quere chamar a atención sobre o impacto ambiental moi severo que terá o proxecto, que provocará un deterioro irreparable da contorna de A Ermida, Pintos, Tomeza, Bértola, Figueirido e Vilaboa e a perda de elementos de interese e riqueza patrimonial, así como un impacto paisaxístico difícil de valorar ao longo de todo o trazado.
Todos eles son lugares de esparcimento non só para os propios residentes na zona, senón de toda Pontevedra, ao ser un enclave habitual de rutas de sendeirismo e ecuestres, montain bike, motocross, rallies que se verán afectadas se segue adiante o proxecto da A-57.