Este domingo 17 de marzo cúmprense dous anos do sinistro mortal que lle arrebatou a vida a Jessica Méndez, a moza que en 2022 foi presuntamente asasinada por José Carlos Eirín, un home que levaba anos acosándoa e que desde o luns está a ser xulgado por un tribunal popular na Audiencia de Pontevedra.
Con motivo do aniversario, os seus veciños e achegados queren lembrala. Durante toda a semana, un grupo de persoas da parroquia pontevedresa de Verducido, onde viven os pais da falecida, concéntrase ás portas da Audiencia pedindo "Xustiza para Jéssica" e o domingo convocaron un acto público en Barro.
Ás 9.30 horas, hai convocada unha marcha silenciosa desde os muíños de Barosa ata o cruzamento do lugar de Constenla no que o acusado encaixou o seu coche contra o dela.
A continuación, ás 10.00 horas, haberá unha ofrenda floral, lerase un manifesto reivindicativo e haberá un minuto de silencio en memoria de Jéssica.
O 17 á primeira hora da mañá produciuse o accidente e, ao día seguinte, o día 18, ela morreu no hospital ao non poder recuperarse das graves feridas sufridas.
Por estes feitos, a Fiscalía e as dúas acusacións -unha en nome do noivo e outra da familia da vítima- piden a condena do acusado por un delito de asasinato con aleivosía e agravante de xénero, mentres que a defensa sostén a súa inocencia e, subsidiariamente, recoñece un delito de homicidio por imprudencia leve ou grave.