Unha 'marea azul' de 400 corredores percorre unha milla do casco histórico

Pontevedra
14 de novembro 2014

A pesares do mal tempo, os pontevedreses responderon este vernes á chamada da Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) para participar na 'milla da diabete', unha carreira solidaria e non competitiva para reinvidicar mellor atención ás persoas con diabete dende a idade escolar

Milla solidaria pola diabete polo casco histórico de Pontevedra
Milla solidaria pola diabete polo casco histórico de Pontevedra / Mónica Patxot

Máis de 400 persoas responderon este vernes á chamada da Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) para inundar o casco histórico cunha marea azul para reinvindicar mellor atención ás persoas con diabete dende a idade escolar. Todo coincidindo coa Día Mundial da Diabete celebrado este 14 de novembro.

Todos os asistentes recibiron como agasallo unha camiseta azul, de tal maneira que a 'milla pola diabete' converteuse nunha auténtica marea azul. A pesares da choiva que caiu de xeito persistente durante toda a xornada, a práctica totalidade das persoas que se inscribiran previamente para participar na carreira acudiron á cita.

O mal tempo deu unha tregua temporal xusto un tempo antes da saída da proba deportiva, pero comezou a chover de novo con forza tan só unos minutos despois, cando os corredores percorrían as rúas do casco histórico. O ambiente da proba desenvolveuse de xeito moi animado, especialmente pola natureza solidaria e non competitiva da mesma.

Os participantes percorreron  unha milla, isto é 1,6 quilómetros por distintas rúas e prazas da zona monumental e entre eles había integrantes de varios clubs deportivos da cidadeAo término da carreira, todos recibiron como agasallo unha bolsa con auga, plátano e compota como merenda e participaron nun sorteo con agasallos aportados por empresas pontevedresas. 

Este sábado 15 de novembro, a Casa Azul acolle ás 12.00 horas un obradoiro de merendas saudables, no que se darán pautas para mellorar a alimentación dos nenos con esta enfermidade; e ás 18.00 horas pechará esta programación o espectáculo teatral Os Super Galácticos, destinado a un público familiar. Será no Café Moderno.

Durante estes tres días, varios restaurantes da cidade están a ofrecer menús cos que contar hidratos. Son Bagos, Meigas Fóra e o Hotel Rúas, algúns dos cales estudarán mantelos tras esta celebración.