Unha moza de 18 anos denunciou na Comisaría Provincial de Pontevedra un asalto violento que sufriu na madrugada do martes ao mércores no barrio de Campolongo. Segundo relata, dispoñíase a entrar no portal do seu edificio cando foi asaltada por un home e, tras un forcexeo con grandes doses de violencia, el escapou levándolle o seu teléfono móbil.
A moza chamou á Policía Nacional xa de madrugada e ao día seguinte -na tarde do mércores- oficializou a denuncia e prestou declaración na Comisaría, que abriu unha investigación para aclarar o ocorrido e conseguir localizar ao asaltante.
Segundo relatou a moza á Policía Nacional, o home asaltouna por detrás cando se dispoñía a entrar no portal e ela tentou liberarse mentres gritaba pedindo axuda. Finalmente, unha veciña saíu pola xanela alertada polos berros e, ao darse conta de que lle descubrían, o home escapou. Previamente, agredira á moza de forma moi violenta.
No asalto, o home logrou facerse co teléfono móbil da moza, aínda que non transcendeu se finalmente levoullo ou, como apuntan algunhas fontes, acabouno tirando aos poucos metros.
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación e conta con datos achegados sobre o sospeitoso, pero á primeira hora deste xoves fontes oficiais da Comisarái indicaron que aínda non fora localizado nin se produciu ningunha detención.
O incidente empezou a correr como a pólvora por todo Pontevedra ao longo da tarde deste mércores a través de publicacións en Facebook e grupos de WhatsApp, nos que se publicou un audio que relataba un intento de violación no barrio de Campolongo. A publicación xerou gran preocupación veciñal, pois relata que "tentaron violar" a unha moza. Ata o momento, non se confirmou nin esta versión nin ningunha outra e a Policía Nacional mantén abertas todas as hipóteses.