Unha muller e os seus dous fillos, ameazados por un desafiuzamento en Marín que reclama a familia paterna dos menores

Marín
01 de xullo 2024

A situación prolóngase desde 2021, cando, segundo relata a vítima, "na sentenza do divorcio sobre a custodia dos nenos ditaminouse custodia compartida e dicíase que a nai na casa cos nenos. A partir de aí foi cando empezaron a buscar formas de botarme"

Xulgados de Marín
Xulgados de Marín / PontevedraViva

Ante a perentoria situación á que fai fronte e que considera é unha "inxustiza habitacional e violencia económica", unha veciña de Marín decidiu facela pública por se a presión social puidese reverter a tesitura. Isto é, paralizar unha orde de desafiuzamento que a deixaría fóra do piso no que vive cos seus fillos de nove e seis anos.

Segundo relata a muller, "hai un ano e medio que tiña que terme ido, pero aprazárono ata o 31 de decembro. Tiña que deixalo o 14 de maio, pero a asistenta social fixo un informe e agora estamos á espera da valoración do xuíz", o cal pode resolverse cunha orde de execución do desafiuzamento ou tamén con outra prórroga, explica.

O caso tramítase nos Xulgados de Marín, aínda que paralelamente "tivemos outro xuízo para que se recoñecese que a vivenda era do matrimonio e en Marín arquiváronmo e despois en Pontevedra o mesmo, por falta de probas dixeron, a pesar das transferencias e os préstamos persoais nos que pon compra de piso e reforma".

Estes problemas xurdiron en 2021, cando "na sentenza do divorcio sobre a custodia dos nenos ditaminouse custodia compartida e dicíase que a nai na casa cos nenos. A partir de aí foi cando empezaron a buscar formas de botarme". 

Os antecedentes que relata esta muller arrincan en 2012, cando coñeceu ao home co que casou en 2014. Durante seis anos e medio, debido ao traballo del, residiron en Canarias e alí naceron os dous fillos que teñen en común.

Estando nas illas, o seu sogro compra unha vivenda en Marín, que tiña en alugueiro e era propiedade do Ministerio de Defensa. Segundo relata a afectada "transcorridos seis anos a escriturarían ao noso nome e con esa promesa asumimos un préstamo persoal e transferimos diñeiro aos meus sogros para a compra da vivenda"

Con todo, continúa, "a vivenda se escrituró ao seu nome e asinouse un documento de recoñecemento de débeda sen o meu coñecemento". A parella iniciou unha reforma custeada por ambos, do mesmo xeito que comunidade e subministracións.

Unha vez completada, trasladáronse a vivir a Marín. Nove meses despois, cando el inicia un proceso de divorcio, "o meu ex marido e os seus pais negaron que a vivenda fose nosa" e iniciaron o proceso de desafiuzamento desta muller e os seus dous fillos. Ao mesmo tempo a súa ex parella reclámalle "a metade dos préstamos utilizados para comprar a vivenda a pesar de que non eu non figuro como propietaria".