Unha muller ingresada no Hospital do Salnés, primeira falecida con covid-19 do ano na área sanitaria

Pontevedra
03 de xaneiro 2022

Trátase dunha muller de 84 anos que, segundo confirmaron fontes oficiais do Sergas, presentaba patoloxías previas á covid-19. Con esta morte, o número de falecidos coa enfermidade na área sanitaria elévase a 230 pacientes. Este luns o Sergas confirmou en Galicia a morte de 12 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / Cristina Saiz

Unha muller de 84 anos converteuse este luns 3 de xaneiro na primeira persoa con covid-19 falecida neste ano 2022 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

A muller estaba ingresada no Hospital do Salnés e, segundo confirmaron fontes oficiais do Sergas, presentaba patoloxías previas á covid-19.

Coa morte desta muller o número de falecidos con covid-19 na área sanitaria elévase a 230 pacientes desde o inicio da pandemia.

Este luns o Sergas confirmou en Galicia a morte de 12 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus, aínda que tan só dúas delas se produciran este mesmo luns. O resto foron de días pasados e todas agás unha tiña patoloxías previas 

En concreto, este luns tamén faleceu unha muller de 94 anos ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira da Coruña.

Ademais, o 22 de decembro faleceu un home de 86 anos no CHUAC da Coruña; o 30 de decembro, unha muller de 91 anos no HULA de Lugo; o 31 de decembro, unha muller de 93 anos no CHUO de Ourense (procedente da Residencia A Carballa de Coles) e un home de 50 anos no CHUVI. Este falecido de Vigo é o único sen patoloxías previas. 

No que vai de ano, van oito falecidos en Galicia. Ás dúas mulleres falecidas este luns hai que sumar o 1 de xaneiro tres mortes, unha muller de 79 anos no CHUS de Santiago (procedente da Residencia Servisenior de Brión; un home de 89 anos no HULA e un home de 94 anos, no Hospital de Burela. O domingo dous tamén houbo tres mortes, unha muller de 95 anos, no CHUF de Ferrol, un home de 88 anos no CHUAC e outro home de 88 anos no CHUVI.