Unha nova pista polideportiva e a apertura dos jardíns da UNED, 'guinda' á reforma da Praza de Europa

Pontevedra
05 de maio 2021

O goberno municipal xa ten ultimado o proxecto para abordar a segunda fase da reforma da Praza de Europa, un dos núcleos de convivencia máis importantes que hai no barrio de Monte Porreiro. Será cunha achega económica de máis de 210.000 euros

Renovación do parque infantil do Praza de Europa
Renovación do parque infantil do Praza de Europa / Concello de Pontevedra

O goberno municipal xa ten ultimado o proxecto para abordar a segunda fase da reforma da Praza de Europa, un dos núcleos de convivencia máis importantes que hai no barrio de Monte Porreiro. Será cunha achega económica de máis de 210.000 euros.

Así, preto de 60.000 euros vanse a destinar para a mellora paisaxística e o axardinamento de todo este espazo, situado entre as rúas Bélxica e Alemaña, a creación dunha pista polideportiva e a renovación do mobiliario urbano.

No proxecto tamén se prevé a dotación dun sistema de rega nos xardíns que rodean o parque infantil, a plantación de arborado e planta arbustiva e a substitución dalgúns exemplares en mal estado, coa finalidade de xerar zonas de sombra e mellores condicións a nivel de paisaxismo, así como a mellora da iluminación e a restauración de bancos e outro mobiliario.

A intención, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, é que esta praza "que é o eixo de centralidade na vida da veciñanza de Monte Porreiro" poida ter a calidade urbana, a beleza e as condicións de seguridade "que este barrio merece". 

A esta actuación terá que sumarse a achega de case 152.000 euros para abrir os xardíns da UNED á cidade. O Concello quere que esta apertura poida ser "inminente", segundo o concelleiro socialista, tras a sinatura do convenio para a cesión dos terreos.

Os cartos servirán para executar un proxecto que contempla a mellora paisaxística, o axardinamento, a iluminación, a dotación de mobiliario de lecer, a recuperación de pavimentos, sendas e bens existentes ou a sinalización de percorridos e elementos singulares.

O convenio de colaboración terá unha duración de catro anos, prorrogable ata catro máis, e entre as obrigas do Concello inclúense as de prestar os servizos de seguridade, vixilancia, limpeza, mantemento e conservación do parque, desenvolvendo as labores como roza, xardinería e plantación de arborado.

A UNED deberá, entre outras cousas, garantir o uso público e o libre acceso aos xardíns coa condición de abrilos e pechalos conforme ao horario do centro. 

O PARQUE INFANTIL XA ESTÁ RENOVADO

Estas actuacións sumaranse á renovación do parque infantil que hai na praza, no que se investiron ata 40.000 euros para rehabilitar esta área de xogos. O último elemento en estrearse foi a tirolesa de máis de 20 metros que presidirá a partir de agora este equipamento.

A tirolesa foi construída en madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e a ela pódese acceder mediante unha rampla delimitada cun valado de seguridade,

Esta primeira fase para remodelar a Praza de Europa foi executada pola empresa Carpiglob, que restaurou de xeito integral este seu parque infantil en base aos criterios técnicos e de seguridade que está pautada para todas as áreas de lecer.

Ademais de renovar os elementos de xogo, delimitouse o parque mediante bordos de formigón, mellorouse o pavimento das súas sendas internas e acondicionáronse todos os xardíns da súa contorna, entre outras actuacións.