A rúa 12 de Novembro de Pontevedra volverá ser escenario este ano dunha homenaxe aos fusilados no mesmo día do ano 1936. Será, precisamente, este xoves día 12, coincidindo co 79 aniversario daquel acto de represión franquista, e a través dun acto presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O acto, organizado pola Concellaría de Cultura, será a partir das 20.00 horas diante do monolito inaugurado o ano pasado en recordo ás vítimas da represión. Lores dirixirá unhas palabras aos presentes e repartiranse flores para que os asistentes fagan unha ofrenda floral.
A Concellaría de Cultura quere lembrar que o fusilamento destes dez homes foi un episodio máis dunha época da historia de España que deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do país.
Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz son, en palabras da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, "un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país".
O Concello de Pontevedra quere reafirmar nesta data a esperanza de que episodios coma este non se volvan repetir entre irmáns, pais, fillos como una "mostra do triunfo da razón e da liberdade na que poden e deben vivir os pobos".