Unha paciente de 84 anos eleva a cinco as mortes con covid en Montecelo desde o sábado

Pontevedra
25 de agosto 2021

Esta paciente, segundo notificaba a Consellería de Sanidade este mércores 25, presentaba patoloxías previas. Desde Saúde Pública confirman tamén outra vítima en Galicia derivada da pandemia, unha muller, de 80 anos, diagnosticada con coronavirus, que perdía a vida na xornada do martes no Hospital de Cee 

Cama hospitalaria
Cama hospitalaria / Consellería de Sanidade

O balance do últimos cinco días na área sanitaria resulta tráxico. Este mércores 25, Saúde Pública confirmaba a morte doutra persoa diagnosticada con coronavirus no Hospital Montecelo.

Trátase dunha muller de 84 anos, que se atopaba ingresada neste centro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Segundo indican desde a Consellería de Sanidade presentaba outras enfermidades previas no seu historial clínico.

Desde o sábado 21 de agosto faleceron cinco persoas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés debido a esta enfermidade. O sábado 21 perdía a vida un home de 90 anos, procedente da residencia Soremay; o domingo 22, unha muller de 91 e un home de 92; e o martes 24, unha muller de 68 anos, á que se suma agora a vítima notificada este mércores. 

A área sanitaria eleva a cifra de decesos a 199 pacientes desde que se informa das mortes provocadas pola covid-19. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 19.983 pacientes, 78 máis este mércores que na xornada do martes.

Saúde Pública tamén notificaba o falecemento durante a xornada do martes doutra vítima en Galicia con coronavirus, unha muller de 80 anos que se atopaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira en Cee, A Coruña.

Con estas novas mortes, Galicia alcanza a cifra de 2.552 óbitos relacionados coa enfermidade desde o inicio da pandemia.