Unha paciente procedente da Residencia Soremay, sétima vítima mortal da covid-19 en Montecelo en oito días

Pontevedra
29 de agosto 2021

A muller perdía a vida este domingo aos 90 anos, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, que notificou a morte doutras tres persoas máis en Galicia diagnosticadas con coronavirus, todas con idades superiores aos 72 anos. A área sanitaria suma xa 201 vítimas mentres que Galicia sitúase en 2.564 falecementos desde o inicio da pandemia

Vacina anti-covid
Vacina anti-covid / Consellería de Sanidade

Unha muller de 90 anos de idade con covid-19 falecía durante esta xornada no Hospital Montecelo, procedente da residencia Soremay de Pontevedra, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade.

Con esta nova vítima mortal, a área sanitaria sitúase en 201 defuncións desde o inicio da pandemia, e súmase a un período tráxico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con sete falecementos de enfermos con covid-19 en oito días.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 20.286 pacientes, 71  má s que na xornada do sábado, segundo informan desde a xerencia da área sanitaria.

Ademais, a Consellería notifica outras tres mortes máis, todas de persoas con outras enfermidades previas e idades avanzadas. Segundo informan,  Saúde Pública confirmou que o venres 27 falecía un home de 96 anos no Hospital de Povisa en Vigo coa enfermidade e este sábado 28 perdían a vida un home de 72 anos e unha muller de 89 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

 Galicia sitúase en 2.564 falecementos desde o inicio da pandemia.

PREVISIÓN DE VACINACIÓN A TRAVÉS DE AUTOCITA

Este luns 30 de agosto, duascentas persoas convocadas con autocita acudirán a recibir as súas doses ao Recinto Feiral de Pontevedra, mentres que en Vilagarcía de Arousa tamén se convocaron a 50 persoas a través do servizo de autocita para que acudan ao recinto feiral de Fexdega.

Desde a Consellería insisten en que o sistema de autocita permanece aberto e dispoñible para a poboación e que se pode solicitar a través da páxina web ou da aplicación Sergas Móbil. Os primeiros ocos dispoñibles do día destínanse a cidadanía con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos, que se vacinarán este luns 30 e o martes 31 de agosto.