Unha parcela da rúa Palestina acollerá un aparcadoiro de 100 prazas en San Salvador

Poio
08 de xaneiro 2021

A cesión dun terreo particular permitirá habilitar como estacionamento un espazo que supera os 2.000 metros cadrados de extensión. O goberno local levará a cabo a instalación dun peche perimetral, así como os traballos de nivelado da superficie e a dotación de puntos de luz, ademais de habilitar accesos desde a rúa Palestina e o Camiño das Bocas

O alcalde Luciano Sobral no terreo cedido para aparcadoiro en San Salvador
O alcalde Luciano Sobral no terreo cedido para aparcadoiro en San Salvador / Concello de Poio

A parroquia de San Salvador contará cun aparcadoiro cun número de prazas gratuítas de entre 100 e 150, segundo as previsións do Concello de Poio. Este proxecto poñerase en marcha nos próximos meses grazas á cesión dunha parcela por parte dun particular nas inmediacións da rúa Palestina.

O alcalde Luciano Sobral comprobaba esta semana estes terreos e  agredecía a cesión deste espazo con máis de 2.500 metros cadrados. Esta parcela atópase nas proximidades do Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra, na avenida de Andurique e preto das instalacións da Galiña Azul, a escasa distancia da contorna da Barca.

O Concello de Poio, unha vez pechado o acordo co propietario, levará a cabo traballos para que se poida utilizar como aparcamento. Segundo explicaba o alcalde de Poio, os operarios municipais instalarán un peche para limitar o terreo. Será necesario realizar movemento de terras para igualar os niveis e deixar a superficie en condicións para estacionar. Tamén se instalarán varios puntos de luz.

A idea do goberno local é que o seu uso estea dispoñible para a veciñanza a partir de primavera, sempre que acompañen as condicións meteorolóxicas para realizar estes traballos de adaptación. A parcela contará con dous accesos para os vehículos, un situado no Camiño das Bocas e outro na rúa Palestina, preto das instalacións do centro infantil Galiña Azul.

Ata o de agora o núcleo da parroquia de San Salvador contaba con dúas grandes áreas de aparcamento: a praza Riestra e as inmediacións da praza Colón, con máis de 3.700 metros cadrados, apuntan desde o goberno local.

Desde o  Concello indican que continúan realizando xestións con outros propietarios en distintos puntos para aumentar a oferta de prazas de aparcamento nas parroquias de Poio especialmente en zonas con déficit.