Unha parella pontevedresa tenta vender por internet unha bici que roubaran e é detida

Pontevedra
17 de setembro 2015

Foi determinante a descrición facilitada por unha testemuña que puido observar como dúas persoas cortaban o cadeado dunha das bicicletas

Unha persoa en bicicleta
Unha persoa en bicicleta / Mónica Patxot

Unha parella de veciños de Pontevedra, de 32 e 20 anos de idade, foron detidos como presuntos autores da subtracción de dúas bicicletas.

Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, as denuncias polos roubos presentáronse o día 11 na Comisaría Provincial. O "modus operandi" utilizado para roubalas foi o mesmo en ambos os casos, cortar o cadeado das bicicletas estacionadas na vía pública.

Unha delas, valorada en 500 euros, que o propietario deixara na rúa Michelena desta cidade. Outro afectado interpuxo denuncia na Comisaría o mesmo día, ao parecer tras deixar a bicicleta candada no estacionamento de bicis da rúa Bastida. O propietario da bicicleta valorouna en 350 euros.

A parella de ladróns chegou a poñer á venda unha das bicis nunha web de anuncios de segunda man sendo recoñecida polo seu lexítimo propietario.

Foi determinante a descrición facilitada por unha testemuña que puido observar como dúas persoas cortaban o cadeado dunha das bicicletas.

O día 14 de setembro por parte da Policía Local identificouse a unha parella que respondía as características físicas achegadas pola testemuña, poñéndoos a disposición da Policía Nacional, que logrou recuperar unha das bicicletas denunciadas.

Esta parella xa fora identificada anteriormente por feitos similares.