Unha páxina web recolle as máis de 70 fontes da vila

Marín
24 de xuño 2021

Os concelleiros Pablo Novas, Cristina Acuña e Manuel Domingos presentaron este xoves a nova web www.fontesdemarin.coma>, na que se poden consultar máis de 70 elementos patrimoniais con imaxes 360, localización e descrición

A páxina web Fontes de Marín
A páxina web Fontes de Marín / Concello de Marín

Este xoves presentábase o web municipal www.fontesdemarin.com, un portal no que se detallan as características de máis de 70 fontes que se atopan no municipio. Na páxina ofrécense galerías fotográficas, imaxes 360, xeolocalización e unha descrición destes elementos patrimoniais da vila.

Os concelleiros Pablo Novas, Cristina Acuña e Manuel Domingos visitaban durante a mañá a Fonte de Troncosa para presentar esta proposta que busca poñer en valor os elementos patrimoniais máis interesantes de Marín para que tanto os residentes como os visitantes conten cunha ferramenta que lles proporcione información.

Segundo explicaba Pablo Novas con esta páxina todo queda rexistrado e calquera veciño pode coñecer o patrimonio accedendo simplemente ao portal da internet. Sinalou que, ademais, aprovéitase un momento no que existe unha demanda por coñecer espazos abertos e naturais.

Esta páxina é similar na súa estrutura á que tamén se creou sobre lavadoiros de Marín. O web conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra e destaca a importancia que as fontes teñen desde un punto de vista sociolóxico e hidráulico. Lembra, ademais, que atesouran unha riqueza  toponímica singular neste  Concello e que se atopan asociadas cun notable folclore e tradicións populares.