Unha pradería verde rodeada de árbores autóctonas, proposta para o Parque da Dignidade

Pontevedra
17 de decembro 2020

Recuperar un espazo que, segundo o goberno municipal, está "bastante degradado". Con ese espírito deseñouse o proxecto do Parque da Dignidade, que ocupará os terreos do antigo campo de fútbol dos Praceres, entre a depuradora e a praza da igrexa

Alberto Oubiña presentando o proxecto do Parque da Dignidade
Alberto Oubiña presentando o proxecto do Parque da Dignidade / Concello de Pontevedra

Recuperar un espazo que, segundo o goberno municipal, está "bastante degradado". Con ese espírito deseñouse o proxecto do Parque da Dignidade, que ocupará os terreos do antigo campo de fútbol dos Praceres, entre a depuradora e a praza da igrexa.

Nesta intervención, que o Concello quere licitar en 2021, investirase medio millón de euros. Fará falta a autorización de Costas, ao ser terreos de dominio público marítimo-terrestre, aínda que os contactos con este organismo xa están moi avanzados. Ocupará 17.500 metros cadrados.

A proposta para este parque foi creada polos arquitectos Martín Toimil e Pablo Peón, este último natural de Lourizán, polo que segundo o edil Alberto Oubiña "entendía perfectamente" as demandas veciñais con relación a este espazo "tan complexo".

Será unha área revestida completamente de vexetación e contará con elevacións do terreo para que, emulando unha zona de media montaña, desde os seus puntos máis altos se poida ver o mar, sorteando a estrada que lles separa.

O parque contará cun camiño circundado, explicou Oubiña, que terá unha gran pradería central rodeada de especies arbóreas e arbustivas que permita "minimizar" o impacto visual das edificacións que hai nesa contorna.

As árbores e arbustos elixidos ofrecerán unha "ampla gama cromática" e serán en todo caso especies autóctonas como castaños, carballos, bidueiros, freixos ou tilos.

Todo este conxunto contará ademais con diferente mobiliario urbano, iluminación adaptada á contorna e un sistema de rega automática para mantelo en óptimas condicións.

Inicialmente o proxecto incluía unha lámina de auga que, por consello dos técnicos de Costas, retirouse para facilitar a autorización que, de maneira inicial, pedirase por dous anos.

Nestes terreos era onde a Xunta de Galicia pretendía ampliar a depuradora, unha actuación que parece ser descartada. En canto caduque a preconcesión de Costas a Augas de Galicia, o Concello de Pontevedra solicitará quedar cos dereitos de uso.