Unha rede de calor con biomasa dará calefacción aos centros educativos da Xunqueira

Pontevedra
22 de febreiro 2021

Esta rede terá as súas caldeiras nunha nave de 265,65 metros cadrados en terreos do Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira. A calor chegará tamén aos colexios Xunqueira I e Xunqueira II, aos institutos Xunqueira I e Xunqueira II, aos pavillóns dos centros educativos, á Escola Oficial de Idiomas e ao centro de formación de profesorado

Centro Integrado de Formación Profesional da Xunqueira
Centro Integrado de Formación Profesional da Xunqueira / Mónica Patxot

Todos os centros educativos da Xunqueira, fóra das facultades universitarias -que xa teñen o seu propio proxecto- recibirán o seu sistema de calefacción a través dunha rede de produción térmica de biomasa.

Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ten un orzamento de 666.211 euros. O Concello outorgoulle licenza de obra este luns.

Esta rede terá as súas caldeiras nunha nave de 265,65 metros cadrados de nova construción en terreos do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira, que será un dos centros beneficiarios.

Mediante unha rede de distribución con tubos especiais, a calor chegará tamén aos colexios Xunqueira I e Xunqueira II, aos institutos Xunqueira I e Xunqueira II, aos pavillóns dos centros educativos, á Escola Oficial de Idiomas e ao centro de formación de profesorado.

Ademais, o proxecto inclúe habilitar un espazo para o almacenamento da biomasa.