A falta de que comecen oficialmente os contactos entre o goberno municipal e a oposición para tratar de negociar os orzamentos para 2016, Marea Pontevedra presentou en rolda de prensa as propostas que presentarán para tratar de acordalas e introducilas no documento. Do "grao de coincidencia" que se alcance dependerá, segundo o seu portavoz Luís Rei, o apoio da súa formación ao BNG.
Iso si, Luis Rei avanzou que o goberno "empeza mal" segundo o visto no documento inicial entregado á oposición, un borrador "carente de concrecións básicas" e que non vai acompañado da memoria do alcalde, o informe de Intervención, os anexos de persoal e investimentos ou o avance da liquidación do orzamento deste ano.
Marea Pontevedra asegura que coas súas propostas buscan presentar un "modelo alternativo" ao do BNG. Así, entre cuestións irrenunciables para esta formación atópase aumentar a partida destinada a emerxencia social ata os 500.000 euros, fronte aos 135.000 previstos inicialmente, ou apostar por unha fiscalidade "máis xusta e proporcional", rebaixando as taxas a familias sen recursos e aumentando o IBI ou o IAE ás empresas e grandes fortunas.
Ademais, Luís Rei afirmou que as contas de 2016 deberían reflectir os primeiros pasos para remunicipalizar servizos que, actualmente, están xestionados como empresas privadas como o abastecemento de auga, o mantemento de zonas verdes, a recollida de lixo, o guindastre municipal ou o servizo de axuda no fogar. No seu conxunto, se "comen" uns catorce millóns de euros anuais e os seus contratos empezan a vencer a partir do próximo ano.
Desde Marea apostan tamén por poñer en marcha un plan de emprego que ascendería a un millón de euros, un plan para dinamizar a praza de abastos e, en materia de investimentos, piden destinar o 10% dos mesmos, outro millón de euros, a actuacións que decidan os propios veciños, a través do mecanismo de orzamentos participativos e "establecendo os recursos para facer as consultas pertinentes á veciñanza".