Unha reducción mínima do 25% na viñeta, proposta fiscal do PP

Pontevedra
08 de abril 2016

Tras varias negativas anteriores, o PP volve á carga. Os populares esixen de novo a rebaixa do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, a coñecida como viñeta. O edil Rafael Domínguez avanzou que presentará unha moción ao próximo Pleno para pedir unha rebaixa de, polo menos, o 25% no custo da viñeta

Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo
Coches aparcados nas inmediacións de Montecelo / Mónica Patxot

Tras varias negativas anteriores, o PP volve á carga. Os populares esixen de novo a rebaixa do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, a coñecida como viñeta.

O edil Rafael Domínguez avanzou que presentará unha moción ao próximo Pleno para pedir unha rebaixa de, polo menos, o 25% no custo da viñeta.

A proposta dos populares supón esta redución para os turismos particulares, un 50% para vehículos con motores con emisións inferiores a 100 gr/km. (incluídos híbridos e eléctricos) e para os que utilicen biocombustibles, GLP e gas, e unha rebaixa do 75% para taxis e vehículos afectos a actividades económicas.

Esta medida podería aplicarse realizando unha "boa xestión" das arcas municipais e supoñería que os pontevedreses paguen un imposto "equitativo" aos servizos que reciben, ante a redución de espazo para aparcadoiro na cidade.

Pero desde o goberno municipal, o edil de Facenda lamentou a "carencia absoluta" de ideas do PP, ao recordar que é a terceira vez que presenta unha iniciativa deste tipo. Raimundo González recoméndalles que "se queren lexislar" presenten unha moción de censura. "O demáis é fabular, dixo.