O estado de abandono do proxecto artístico da Illa das Esculturas foi máis que evidente nos últimos anos. As doce obras que integran a súa exposición permanente, todas elas de autores de renome internacional, tiveron que convivir coa súa constante deterioración.
Pero agora, o Concello decidiu poñer freo a esta situación e volver apostar de forma decidida polo que, segundo os seus responsables, é un dos museos ao aire libre mellor dotados do país, con pezas artísticas que teñen o granito galego como fío condutor.
Así, o goberno municipal impulsará unha intervención para poñer en valor este espazo que se executará en dúas fases. A primeira, que comezará nos próximos días, consistirá na limpeza das obras escultóricas e no acondicionamento de toda a súa contorna.
Entre outras actuacións, borraranse as pintadas que hai nalgunhas destas pezas e aplicarase un tratamento para evitar que futuras agresións poidan provocar danos irreparables. Ademais, retirarase a maleza existente para protexer as estruturas.
A esta primeira fase, o Concello destinará 35.000 euros, segundo explicou o edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, que avanzou que a segunda etapa desta intervención será a reactivación do aspecto museístico da Illa das Esculturas.
A este respecto, o proxecto deseñado busca "reformular" a sinaléctica de toda a illa, instalando paneis informativos que expliquen cada unha das pezas e dos seus autores, situándoas todas elas nun mapa para orientar aos visitantes.
Ademais, crearanse roteiros guiados a través de podcast e editarase unha guía didáctica para que os centros de educación primaria poidan realizar visitas con fins pedagóxicos.
A intención do Concello é que toda esta intervención na Illa das Esculturas poida estar executada este mesmo semestre, é dicir, antes de que comece o próximo verán.
Moreda explicou que, aínda que por agora non se expón a posibilidade de instalar esculturas novas que formen parte da exposición permanente, o goberno municipal si está a traballar en impulsar residencias artísticas vinculadas a todo este espazo.