Unha sentenza obriga a pagar ao Concello máis de 850.000 euros por un terreo expropiado na contorna do Gafos

Pontevedra
24 de maio 2021

O preito iniciábase en 2018 entre os dous propietarios e o Concello despois de que o Xurado de expropiación de Galicia taxara este terreo en 14.377 euros mentres que os donos reclamaban 2.669.000 euros. O TSXG estableceu o prezo da parcela en 853.914 e, tras novos recursos, o Supremo non os estima e establece costas de mil euros para cada unha das partes

Terreo expropiado entre o río Gafos e a rúa Gorgullón Concello de Pontevedra

Punto final no caso da expropiación dun terreo situado na contorna do río Gafos na zona do Gorgullón, tras os apartamentos turísticos. Anabel  Gulías, portavoz do goberno local, informaba este luns da sentenza do Tribunal Supremo que conclúe o litixio iniciado en 2018.

O caso remóntase á expropiación do Concello de Pontevedra deses terreos atendendo ao prezo de taxación establecido polo Xurado de Expropiación de Galicia que consideraba como prezo xusto a cantidade de 14.377, 79 euros. Os dous propietarios entendían que a cantidade que debían recibir por ese espazo elevábase a 2.669.000 euros. Ao non chegar a acordo, o tema terminou nos tribunais.

A sentenza inicial do Tribunal Superior de Galicia estimaba que o prezo da parcela era de 853.914 euros, pero este cifra non satisfacía a ningunha das partes. Os propietarios demandantes consideraban que o prezo era superior pola edificabilidade da zona e o Concello, pola súa banda, sinalaba que debido á tipoloxía do chan, que é rural aínda que parcialmente urbanizado, debía ser menor.

As dúas partes presentaron recursos de casación ante o Tribunal  Supremio e este luns dábase a coñecer a sentenza: desestima os dous recursos e condena a cada unha das partes para pagar costas por un valor de mil euros.

Segundo explicou Anabel Gulías, a parcela atópase incorporada ao patrimonio municipal pero aínda non se realizaron actuacións nela á espera de que finalizase este proceso. Agora o  Concello terá que pagar a cantidade de 853.914 euros, á que haberá que sumas os intereses desde o inicio do procedemento xudicial.