Unha trintena de empresas das Rías Baixas buscarán abrir liñas de negocio en Barcelona

Pontevedra
25 de novembro 2018

A través desta novidosa iniciativa, a Deputación de Pontevedra,en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, dará cita nunha mesma xornada no Hotel Gran Marina de Barcelona ás empresas das Rías Baixas e a máis de cen compañías de Cataluña

Visitantes ás portas dun hotel de Pontevedra Mónica Patxot

As Rías Baixas desembarcan en Barcelona. Unha trintena de empresas do sector turístico da provincia participarán no primeiro workshop do destino na capital catalá.

A través desta novidosa iniciativa, a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, dará cita nunha mesma xornada no Hotel Gran Marina de Barcelona ás empresas das Rías Baixas e a máis de cen compañías de Cataluña. 

Entre as empresas da provincia que van participar neste workshop atópanse hoteis, bodegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores.

Pola súa banda, entre as catalás hai dende turoperadores, ata medios de comunicación especializados en turismo e asociacións sectoriais. Amais, está confirmada a presenza do presidente do Centro Galego de Barcelona. 

Durante a xornada, que dará comezo ás 18 horas, terán lugar reunións dinámicas coa vista posta en abrir novas vías de negocio e xerar novas oportunidades para o sector turístico da provincia

Tras as reunións, nas que se tamén se comercializará o castelo de Soutomaior como elemento tractor do turismo cultural para o conxunto da provincia, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentará a campaña promocional das Rías Baixas e terá lugar un sorteo de viaxes de familiarización entre as empresas asistentes ao workshop. 

Esta actividade, que forma parte das liñas do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, atende ao obxectivo de xestión intelixente do destino, compartida entre todos os axentes con competencias turísticas na provincia de Pontevedra. Deste xeito, a idea do workshop en Barcelona naceu nunha mesa de turismo das que se veñen organizando ao abeiro do plan.