Unha trintena de expositores para o regreso a Sanxenxo da feira de oportunidades

Sanxenxo
23 de marzo 2023

A Praza do Barcos acollerá en plena Semana Santa, entre os días 6 e 8 de abril, unha nova edición da feira de oportunidades de Sanxenxo. Nesta ocasión serán 29 os expositores que ofrecerán os seus produtos artesanais ao público

Feira de oportunidades na Praza dos Barcos de Sanxenxo
Feira de oportunidades na Praza dos Barcos de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Praza do Barcos acollerá en plena Semana Santa, entre os días 6 e 8 de abril, unha nova edición da feira de oportunidades de Sanxenxo. Nesta ocasión serán 29 os expositores que ofrecerán os seus produtos artesanais ao público. 

Esta cita, que segundo o Concello está "plenamente consolidada", terá entrada gratuíta e contará cun horario continuado, de 11:00 a 22:00 horas.

Entre os produtos que se poderán adquirir atópase calzado, roupa, pel, bixutería, mel, artesanía, decoración e mesmo un posto de estética onde se poderán realizar tratamentos.

Na feira participarán os comerciantes locais, que ofrecerán descontos que, nalgúns casos, superarán o 70%. O modelo dos expositores será como en anos anteriores tipo jaima.

Ademais, nesta edición, a Asociación contra o Cancro de Sanxenxo levará a cabo unha campaña de recadación de fondos para a investigación do cancro infantil, en colaboración coa churraría Kuki Galiano.

Como homenaxe ao pequeno portonovés, Arturo González, falecido por mor da enfermidade o pasado mes de febreiro, encargáronse 2.000 cuncas coas frases que o neno adoitaba dicir: "Te quiero hasta el infinito" e "Te quiero mil y casas y ocho edificios".

Todas as persoas que compren a cunca, serán convidadas pola churraría a unha ración de chocolate e churros.